A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude publicou a resolución dunha liña de subvencións dotada con 350.000 euros, destinada a fomentar servizos lingüísticos nas entidades locais e agrupacións de municipios. Esta iniciativa responde ao compromiso do Goberno autonómico co impulso de iniciativas a prol do galego por parte das administracións locais, en liña coas medidas do Pacto pola Lingua e a actualización do Plan de normalización da lingua galega.
O obxectivo destas axudas é apoiar a posta en marcha e a mellora dos servizos lingüísticos nos concellos, recoñecendo a administración local como unha vía prioritaria de dinamización pola súa proximidade coa cidadanía. As partidas permitirán a creación ou o reforzo de departamentos técnicos municipais encargados de planificar, xestionar e executar medidas para incrementar o uso do galego.
Os servizos subvencionados desenvolverán proxectos de dinamización lingüística, tanto en formato material (libros, audiolibros, xogos) como dixital (soportes electrónicos, web, redes sociais). Tamén se impulsarán cursos formativos de lingua galega para o persoal técnico dos concellos.




