O delegado da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, desprazouse esta mañá ao concello de Quintela de Leirado para visitar unha das seis Casas do Maior postas en marcha grazas á orde de axudas do ano 2025. Esta iniciativa, na que a Consellería de Política Social e Igualdade destinou máis de 306.000 euros, busca reforzar a rede de proximidade e dotar de servizos ás zonas rurais da provincia de Ourense. Ademais desta casa, creáronse outras en San Amaro (dúas), A Mezquita, Maside e Petín.
Manuel Pardo lembrou que a Xunta ten aberta ata o vindeiro 28 de agosto unha nova convocatoria de axudas para a creación de dez novas Casas do Maior en Galicia. A nova orde, dotada cun orzamento de máis de medio millón de euros, ten como obxectivo ampliar a rede destes recursos ata os 158 o próximo ano, alcanzando as 800 prazas de atención diúrna gratuíta.
Estes recursos, que contan cun máximo de cinco prazas cada un, son esenciais non só para o coidado dos maiores, senón tamén para afrontar o reto demográfico, xa que favorecen a conciliación familiar e xeran emprego no rural. A convocatoria mantén complementos para baixas laborais e para os desprazamentos dos usuarios.
O representante do Goberno galego destacou que estes recursos pioneiros ofrecen atención gratuíta aos maiores en concellos pequenos, potenciando os coidados de proximidade e ofrecendo alternativas para o asentamento de poboación no rural.
A rede de Casas do Maior na provincia ourensá consta actualmente de 52 recursos distribuídos en concellos como A Veiga, Cenlle, Castrelo de Miño (2), Xunqueira de Espadanedo, Xunqueira de Ambía, Os Blancos, Boborás (2), Verea, Porqueira, San Amaro (4), Quintela de Leirado (2), Rairiz de Veiga, A Arnoia (2), Cortegada (2), A Peroxa, Monterrei, Larouco, Piñor (2), Castrelo do Val (2), O Bolo, Lobios, San Xoán de Río (2), Punxín, Vilariño de Conso, Baltar (2), A Teixeira, Maside (3), Parada de Sil, O Riós, Laza (2), A Mezquita (2), Amoeiro, Viana do Bolo, Melón, Entrimo, e Petín.




