O informe do Instituto de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (Idega), dependente da Universidade de Santiago de Compostela (USC), aborda os desafíos do mercado de traballo galego, especialmente o relevo xeracional. Nel, conclúese que a chegada de poboación inmigrante non é unha alternativa, senón unha necesidade para a comunidade.
Segundo o documento, a poboación potencialmente activa en Galicia mantense grazas á entrada de persoas non nacidas na comunidade, aínda que se rexistrou unha lixeira perda duns 1.500 efectivos entre 2021 e o ano pasado. O estudo advirte que, mesmo co forte incremento da poboación migrante nos últimos cinco anos, estes fluxos non son suficientes para aumentar a poboación activa na maior parte de España.
“"Na situación actual a chegada de poboación inmigrante non é unha alternativa, é unha necesidade."
Os autores do capítulo sobre o mercado de traballo, os economistas e profesores da USC Roberto Bande e Melchor Fernandez, recalcan que a inmigración non é a "solución única" para a sustentabilidade do emprego, senón "parte da resposta" aos problemas existentes.
O informe sinala que a chegada de emigrantes pode axudar a cubrir vacantes, rexuvenecer a poboación activa e soster servizos. Non obstante, subliña que isto require xestión, dereitos, formación, vivenda e oportunidades reais de arraigamento. Para que sexa un remedio efectivo de cara ao futuro, a prioridade debe ser "conectar necesidades reais de empresas e servizos con persoas dispoñibles para traballar, en condicións que favorezan a permanencia e o arraigamento" en Galicia.




