A intervención, titulada A auga é un intre que aprendeu a quedar, inspírase na fugacidade e na permanencia para crear un diálogo co movemento cíclico da auga da lagoa. O proxecto foi seleccionado como gañador en 2025 da Convocatoria de Intervencións Artísticas en espazos naturais do Gaiás, desenvolvida ao abeiro do Encontro de Artes Novas (EAN) e co apoio da Fundación Banco Sabadell.
O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, destacou na presentación que a obra aposta polo emprego consciente de materiais orgánicos e locais, así como por técnicas artesanais de produción. Salientou tamén a integración paisaxística da instalación nos espazos naturais do Gaiás, fomentando unha arte inclusiva que apela á contemplación, á escoita da auga e ao diálogo sensorial coa arquitectura e a natureza.
A instalación está realizada con madeira autóctona de castiñeiro e emprega técnicas tradicionais de carpintaría náutica, recuperando saberes vinculados á arquitectura popular e á construción naval galega. A produción correu a cargo da empresa galega Casabio Timber Frame (Salvaterra do Miño), contando coa colaboración de Jaime Pareja Arquitectura no deseño estrutural e a adaptación ao terreo.
A iniciativa continúa a consolidar a aposta da Cidade da Cultura por levar a arte aos seus espazos exteriores. Ao longo dos últimos anos, o Xardín Literario do Gaiás xa incorporou obras de artistas como Alicia Framis, Alexandra R. Rey, Thomas Apostolou, Manolo Paz, Francisco Leiro, Acisclo Manzano e Ramón Conde.




