O investimento distribúese en cinco liñas da área de Cultura que financian entre o 20% e o 80% do orzamento subvencionable de cada actuación. Segundo explicou a deputada de Cultura, Natividade González, este orzamento responde á vontade da institución de apoiar de maneira estable o tecido asociativo da provincia, permitindo que as entidades locais planifiquen a súa programación e melloren as súas infraestruturas.
A maior partida económica, de 1,2 millóns de euros, corresponde ao programa de organización de actividades por entidades sen fins de lucro (FO203/2027), con axudas de entre 3.000 e 30.000 euros para asociacións culturais. Complementa este apoio o programa FO204/2027, con 525.000 euros destinados a investimentos culturais como reformas de locais ou compra de material técnico, cun importe individual de entre 3.000 e 15.000 euros.
No ámbito das institucións museísticas e bibliotecarias, destínanse 650.000 euros a financiar actividades culturais con subvencións de entre 5.000 e 30.000 euros. O investimento provincial complétase con 725.000 euros repartidos en dúas convocatorias específicas para agrupacións de música e baile tradicional, corais e bandas de música. O programa FO213/2027 conta con 500.000 euros para actividades e escolas de música, mentres que o FO214/2027 dispón de 225.000 euros para investimentos nestas agrupacións.
“"O traballo diario de base que realizan estas asociacións non só dinamiza a vida social das nosas vilas e parroquias, senón que resulta fundamental para garantir a transmisión do patrimonio cultural e o uso normal da lingua galega en todos os ámbitos."
As bases reguladoras completas poden consultarse no Boletín Oficial da Provincia (BOP) número 208 do 30 de outubro, e os extractos de convocatoria no BOP número 214 do 9 de novembro. A tramitación das solicitudes realizarase exclusivamente por vía telemática mediante a plataforma SUBTEL, accesible desde a sede electrónica da Deputación da Coruña.




