A conferencia terá lugar no Salón Olivo do Hotel Eurostars Araguaney a partir das 20:00 horas e a entrada será gratuíta ata completar aforo. O obxectivo é achegar á cidadanía o relato directo dos participantes na flotilla internacional que intentou romper o bloqueo humanitario sobre Gaza.
Este evento é impulsado pola Delegación Galega de Global Sumud Flotilla, Sanidade Galega con Palestina e Compostela por Palestina. Busca ofrecer o testemuño dos galegos que participaron na flotilla internacional, interceptada cando se dirixía a Gaza, xunto a máis de corenta activistas do Estado español.
No diálogo participarán activistas como Ana Fuentes, Alberto Pagano, Benito González, Sandra Garrido, Duarte Ferrín Iglesias, Andrea Morales e Xurxo Porritt. Compartirán co público a súa experiencia tras seren interceptados no Mediterráneo e posteriormente retidos e deportados por Israel. Parte da delegación regresou inicialmente a Bilbao, onde tamén se produciron cargas policiais durante a súa chegada ao aeroporto.
Segundo a delegación galega de apoio, todas as persoas integrantes atópanse en bo estado de saúde, aínda que a Global Sumud Flotilla está a documentar numerosos abusos, torturas e violencia extrema denunciados durante a retención.
As entidades organizadoras buscan crear un espazo de reflexión sobre a situación humanitaria en Gaza, o bloqueo sobre o territorio palestino e os movementos internacionais de solidariedade na defensa dos dereitos humanos.



