Galicia pechou o mes de xuño como a Comunidade Autónoma que máis rápido paga aos seus provedores, cunha media de 15,3 días. Este dato supón 8,1 días menos que a media autonómica, que se situou en 23,4 días, segundo os datos oficiais publicados polo Ministerio de Hacienda sobre o Período Medio de Pago das Comunidades Autónomas.
Ademais, o período de pago en Galicia sitúase máis de 14 días por debaixo do límite de 30 días establecido pola normativa estatal.
En canto á débeda comercial, Galicia é a terceira Comunidade Autónoma con menor porcentaxe de endebedamento, cun 0,11 %, moi por debaixo da media autonómica do 0,32 %. Do total de 5.620 millóns de euros de débeda comercial conxunta das comunidades, a Galicia correspóndenlle só 194 millóns, o 3,4 %.
Durante o primeiro semestre deste ano, a Xunta destinou case 2.400 millóns de euros para o pago de preto de 390.000 facturas a máis de 11.000 provedores da Administración autonómica, entre empresas, pemes e autónomos.




