Esta xornada forma parte da segunda edición de Mulleres de Palabra(s), unha iniciativa enmarcada no Ateneo pola Igualdade que busca reivindicar a palabra das escritoras actuais e do pasado.
Durante o encontro, Otero e Galego dialogarán sobre os seus procesos creativos e os temas que abordan nas súas obras poéticas e musicais. A poeta ofrecerá un recitado e a cantante porá a banda sonora coa súa música en directo en formato acústico.
A entrada para asistir a esta actividade, que se celebrará no Palacete das Mendoza, é libre ata completar a capacidade.
O programa Mulleres de Palabra(s), que chega á súa segunda edición, está organizado polo Ateneo Provincial pola Igualdade da Deputación de Pontevedra e céntrase nas escritoras e na súa visión do mundo a través da palabra, con perspectiva de xénero. Ademais de conversas e recitais, nesta edición presentouse unha biblioteca ambulante para centros escolares da provincia.
O ciclo de Mulleres de Palabra(s) pecharase o vindeiro 17 de outubro cun acto especial para celebrar o Día das Escritoras.




