A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, denunciou este xoves que o Goberno central recortou nun 82% os fondos destinados á atención de menores migrantes non acompañados en Galicia. A titular desta consellería fixo estas declaracións durante a Conferencia Sectorial de Infancia e Adolescencia, celebrada na mañá deste xoves, onde se abordou o reparto de fondos entre as distintas comunidades autónomas.
Segundo explicou García, acompañada polo director de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, Galicia recibirá neste 2026 un total de 740.000 euros. A conselleira cualificou esta cantidade de "totalmente insuficiente", xa que, segundo detallou, "non supón nin o 5% do que lle custa atender a Galicia a todos os menores migrantes non acompañados", mozos que a miúdo permanecen durante anos no sistema de protección.
A conselleira tamén sinalou que esta achega, que se reparte entre as comunidades, leva "anos conxelada pola falta de Presupostos Xerais do Estado". Ante esta situación, Fabiola García lembrou que Galicia "segue esixindo máis financiamento e que sexa acorde para poder afrontar a acollida e a súa permanencia no sistema de protección de menores".
Finalmente, a conselleira insistiu na necesidade de esixirlle ao Goberno central "planificación e diálogo", xa que, segundo as súas palabras, "seguen chegando a Galicia traslados e seguimos sen ter unha planificación, sen saber exactamente cantos máis chegarán nin en que prazos".




