A mostra, que poderá visitarse ata marzo de 2027, artéllase a través de 18 diálogos entre artistas galegos presentes na colección do Reina Sofía e creadoras contemporáneas que achegan ata 15 obras e instalacións inéditas creadas especificamente para o proxecto. O obxectivo é despregar un relato colectivo, vivo e conectado co proceso de creación.
A exposición está comisariada por Verónica Santos Farto e Chus Martínez Domínguez, recoñecidas profesionais no ámbito da historia da arte, o comisariado e a xestión cultural.
A colección do Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía, que abarca desde finais do século XIX ata a actualidade, conta cunha destacada representación da arte galega contemporánea. Entre as pezas que se poderán contemplar atópanse obras de figuras históricas como Maruja Mallo, Arturo Souto, Julia Minguillón ou Virxilio Viéitez, así como de artistas actuais de recoñecida traxectoria como Berta Cáccamo, Menchu Lamas, Francisco Leiro, Carme Nogueira ou Salvador Cidrás.
As novas creacións, que inclúen pintura, escultura, instalación, fotografía e videoarte, son obra dunha nova xeración de artistas galegos e internacionais como Mar Vicente, Lois Patiño, Mar Ramón Soriano, Jacobo Bugarín, Julia Huete, Kiko Pérez ou Yoseba Muruzábal.
O discurso expositivo baseado en diálogos busca xerar conexións interxeracionais e novas lecturas, reforzando o papel do Gaiás como plataforma para a investigación e creación artística galega en relación co contexto estatal e internacional. A iniciativa tamén reflicte a vontade da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude de programar proxectos innovadores centrados na arte galega para ampliar públicos e relatos culturais.




