A vivenda debe ocupar un lugar central nas políticas públicas e a resposta á actual crise require combinar diferentes medidas en función dos perfís das persoas demandantes. Esta é unha das principais conclusións da II Xornada Internacional ‘A crise da vivenda. Políticas públicas para facerlle fronte a un problema crónico’, organizada polo IDEGA en colaboración co Consello Económico e Social de Galicia (CES).
O encontro, celebrado no Pazo de Amarante, reuniu representantes das administracións, persoas expertas e entidades sociais para analizar as dimensións económicas, sociais e territoriais do problema da vivenda en Galicia. Os relatores sinalaron que o planeamento urbanístico territorial se elabora de costas á realidade social, identitaria e demográfica do territorio, sen ter en conta a evolución da poboación nos vindeiros anos.
Criticouse a desconexión do urbanismo respecto das dinámicas reais do mercado. A xeógrafa e experta en vivenda do IDEGA, María José Piñeira, explicou que "é absurdo proxectar 10.000 vivendas de xeito simultáneo que se ocuparán nun período de oito anos e que, trinta anos despois, envellecerán tamén de forma simultánea. A planificación actual fracasou de maneira sistemática ao formular obxectivos afastados das necesidades das maiorías sociais".
Tamén se acadou que a dificultade do acceso á vivenda non depende unicamente do poder adquisitivo, senón tamén de situacións de exclusión social estrutural. Piñeira considerou que sistemas como o do País Vasco, onde as subvencións públicas á autopromoción comunitaria se asignan en función do nivel de renda, constitúen unha fórmula máis xusta. Denunciouse ademais o estigma e o racismo inmobiliario que sofren as persoas vulnerables.
Os relatores coincidiron na necesidade de coñecer en profundidade o perfil das persoas demandantes e contar con datos fiables para orientar mellor as políticas públicas, especialmente na contabilización da vivenda baleira. Piñeira apuntou que "dende os concellos si que se poderían realizar estas recollidas de información que nos permitan obter datos máis fiables. Sen datos non se fai política".
Abordouse a conveniencia de introducir as vivendas baleiras no mercado de aluguer e rehabilitar as que estean en malas condicións. Propúxose que as administracións actúen como intermediarios e se creen portais públicos para facilitar o acceso á vivenda.
Defendeuse un modelo de urbanismo de proximidade, baseado en barrios vivos e cohesionados, e a necesidade de regular para evitar a segregación urbana. Apostouse por plans máis áxiles que substitúan os plans xerais, que poden tardar ata 20 anos en tramitarse.
Finalmente, defendeuse que o dereito de propiedade non pode prevalecer sobre os dereitos fundamentais, como o da accesibilidade, citando como exemplo a instalación de ascensores en edificios antigos para evitar a degradación urbana.




