A Xunta de Galicia e a Universidade de Santiago de Compostela (USC) impulsan a terceira edición da Formación en Improvisación Teatral ('F!T'), que se desenvolve na Cidade da Cultura. Esta iniciativa, consolidada como o único programa formativo universitario desta disciplina en Europa, terá lugar no Gaiás dende o pasado 28 de xullo ata o 29 de agosto.
Este ano, o 'F!T' congrega a 30 estudantes procedentes de España, Brasil, Italia, Portugal, Arxentina, Colombia, México e Islandia. O encontro fomenta un espazo de aprendizaxe e intercambio cultural, reforzando a Cidade da Cultura como escenario para proxectos formativos de alcance internacional.
O programa, dirixido polos actores Antón Coucheiro, Gala Martínez-Romero e Feña Ortalli, inclúe obradoiros, clases e masterclasses impartidas por profesorado especializado. Abórdanse diversas ferramentas da improvisación, como a danza, o teatro físico, a estética escénica e a dirección, ademais de módulos teóricos sobre a historia do teatro universal e a relación entre neurociencia e improvisación.
A formación conta coa colaboración do Centro Dramático Galego. Como parte do curso, realizarase unha mostra final de procesos para pór en práctica o aprendido. Ademais, a iniciativa esténdese á cidadanía co '+F!T', que organiza obradoiros e espectáculos en distintos puntos de Santiago de Compostela.




