A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP vén de recoñecer a excelencia de 480 estudantes de grao do Sistema Universitario de Galicia cos Premios Ángela Ruiz Robles. Estes galardóns, dirixidos ao alumnado con mellores notas de cada curso de grao –agás o último–, contan cunha dotación económica de ata 1.600€ e concédense a proposta das universidades galegas.
Segundo publica o Diario Oficial de Galicia, 183 dos premiados estudan na Universidade de Santiago de Compostela (USC), 144 na Universidade de Vigo (UVigo), 131 na Universidade da Coruña (UDC) e 22 na Universidad Intercontinental de la Empresa (UIE). O 63% das premiadas son mulleres e o 37% homes, correspondendo ás cualificacións do curso 2024/25.
Por ramas de coñecemento, Ciencias Sociais e Xurídicas é a que máis galardoados suma con 216 (45%), seguida de Enxeñaría e Arquitectura con 97 (20%), Ciencias da Saúde con 63 (13%), Artes e Humanidades con 54 (11%) e Ciencias con 50 (11%).
Un total de 15 alumnos acadaron a máxima cualificación de 10 puntos. Na USC, sete estudantes obtiveron esta nota, mentres que na UVigo foron oito. Na UDC a nota máxima foi un 9,9 e na UIE un 9,5.
Para optar ao recoñecemento, o alumnado debía ter unha nota media igual ou superior a oito puntos e ter superado todos os créditos matriculados (mínimo 60). A contía base é de 1.100€, podendo chegar aos 1.600€ para aqueles con nota media superior a 9 e segundo o remanente orzamentario. Un total de 236 persoas reciben a contía completa.
Os galardóns levan o nome de Ángela Ruiz Robles, mestra e inventora da patente da enciclopedia mecánica en 1949, considerada o antecedente do libro electrónico. Nacida en León en 1895, trasladouse a Ferrol en 1918, onde desenvolveu unha importante labor pedagóxica e social, recibindo en 1947 a Cruz de Alfonso X o Sabio.




