Debido á eclipse solar que se producirá mañá, mércores 12 de agosto, a Concellería de Mobilidade e Convivencia do Concello de Santiago de Compostela informa que os accesos ao Monte Pedroso e ao Monte de Deus permanecerán pechados ao tráfico rodado. Permitirase o acceso a pé a estas zonas.
Recoméndase planificar con antelación o punto de observación, buscando miradoiros ou áreas amplas con boas vías de comunicación e estacionamento. Na cidade, suxírense como bos puntos de observación o Monte do Gozo, o miradoiro do parque da Alameda, o miradoiro da Cidade da Cultura ou o xa mencionado Monte Pedroso (con acceso a pé).
A concellería tamén aconsella non deter os vehículos de forma improvisada en beiravías ou estradas secundarias, nin aparcar en pistas forestais, xa que poderían quedar bloqueadas en caso de evacuación. Sublíñase a importancia de respectar o tráfico peonil e facilitar a convivencia entre vehículos e persoas.
Para garantir que a xornada transcorra con normalidade, pídese seguir as indicacións dos servizos de emerxencia e forzas de seguridade, coidar a contorna depositando os residuos nos lugares habilitados e evitar zonas restrinxidas ou de risco. Tamén se prohibe o uso de lume para cociñar en entornos forestais e recóllese o lixo, incluíndo non tirar cabichas ao chan.
En caso de ir en grupo, recoméndase organizarse e acordar un punto de encontro. A mensaxe final é gozar da experiencia con responsabilidade.
Pódese atopar máis información sobre a eclipse en Santiago na web de Turismo (santiagoturismo.com).




