O grupo de investigación Histagra da USC coordina un equipo de especialistas en historiografía, arqueoloxía, antropoloxía forense e xenética para levar a cabo as tarefas de exhumación e recoñecemento de fosas da violencia franquista en Galicia. A sinatura do convenio entre a USC e a Xunta de Galicia para o desenvolvemento do Plan de Memoria Democrática de Galicia 2026 marca o inicio destas intervencións.
O Plan cuadrienal de Memoria Democrática (2025-2028), que ampara estes traballos, céntrase en tres liñas estratéxicas: a localización, exhumación e identificación de vítimas; a divulgación dos resultados; e o recoñecemento dos lugares de enterramento e promoción de lugares de memoria. Os seus obxectivos son anualmente revisables.
Para a anualidade de 2026, as accións terán lugar na Fosa de Ribeiras de Sor (Mañón), continuando a intervención de 2025. Tamén se seguirán os traballos no cemiterio de Luou (Teo), coa exhumación dun suposto familiar dun asasinado. Na fosa de San Pedro de Filgueira de Trabanca (Oza-Cesuras) e na de Santa María do Castro (Miño) buscaranse os restos de dúas vítimas en cada unha. En San Francisco (Ourense) realizarase un estudo a fondo do espazo e das vítimas. Na fosa de San Vicenzo de Vilameá (A Pontenova) procuraranse catro restos, e na de Pontevedra/A Estrada (Pontevedra) localizarase unha vítima.
Segundo os criterios de reparto orzamentario acordados o 24 de abril de 2026 no Consello Territorial de Memoria Democrática, a Xunta de Galicia disporá en 2026 dun importe de 97.811,81 euros para estas actuacións.




