O Concello de Brión xa anunciou a programación completa para a Romaría de Santa Minia 2026, unha das citas máis tradicionais do municipio. Durante tres días, a localidade converterase no epicentro dunha festa que busca ofrecer propostas para todas as idades, mesturando a parte relixiosa coa cultural e o lecer.
O evento contará cunha variada oferta que inclúe teatro de monicreques, actuacións de charangas, música e baile tradicional, concertos con diversas orquestras e propostas gastronómicas. A noite do sábado 26 de setembro culminará co tradicional espectáculo de luz, son e fogos de artificio, un dos momentos máis esperados da romaría.
Dende a organización convidan a toda a veciñanza e aos visitantes a participar e gozar destas xornadas festivas. O programa detalla actividades dende o venres 25 ata o domingo 27 de setembro, con horarios que abranguen dende as 17:30h ata as 03:30h na xornada do venres, e con propostas que se estenden ata as 22:00h o domingo.
Destacan actuacións como as de Trécola Producións, Compañía Heliodora (Brasil) e Fantoches Baj (Galicia) dentro do X Festival Monecadas. Tamén haberá concertos de artistas como Ruth Cundíns, Grupo Embrio, Luar Na Lubre, ademais de orquestras como Finisterre Project, Olympus, Suavecito e Miramar. As charangas Os Celtas e A Carmiña, e grupos de música tradicional como Devagariño e @S Garuleir@s, completan a oferta musical.
Ademais das actividades de lecer, o programa tamén detalla os horarios das misas, incluíndo a novena que se celebrará dende o 17 ao 25 de setembro, e as misas especiais para os días centrais da festa, o sábado 26 e o domingo 27 de setembro, así como para os primeiros días de outubro.




