A xornada comeza pola mañá coa celebración dos Obradoiros de iniciación ao Soundpainting, enmarcados no II Encontro Internacional Soundpainting Compostela. Baixo a dirección de Eric Chapelle, Johan Sabbe, Angélique Cormier e Xacobe Martínez Antelo, estas sesións teñen lugar na sede da SGAE e xa contan coas prazas esgotadas.
Pola tarde, ás 18.30 h, a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, participará no acto central da Irmandade Xurídica Galega, que se celebrará no Paraninfo da Universidade, como parte do programa de fomento do uso do galego.
Posteriormente, ás 19.00 h, no Salón Nobre do Pazo de Fonseca, o concelleiro Manuel César asistirá á inauguración dos Cursos de Verán de Cursos Internacionais da USC.
Tamén ás 19.00 h, pero na Sala Isaac Díaz Pardo do Auditorio de Galicia, terá lugar a última visita comentada á mostra Antifémina · Colita. O historiador Xosé Antón Serén guiará este percorrido gratuíto pola exposición que recolle o libro publicado en 1977 pola fotoxornalista catalá Isabel Steva ‘Colita’ e a escritora Maria Aurèlia Capmany, considerado o primeiro volume gráfico feminista da Transición.
Ás 20.00 h, o Teatro Principal acollerá o concerto Saxy Summer, a cargo da Banda Municipal de Música de Santiago de Compostela, dirixida por David Fiuza. O evento, parte do Compostela FestiSax, contará coa participación dos saxofonistas solistas Unai Brito Trelles, Andrés España Fontán e Jorge Sánchez Cortés, e presentará obras de compositores como Adam Gorb, Otto M. Schwarz e John Williams. Aínda quedan os últimos convites dispoñibles.
A xornada pecharase ás 21.00 h co terceiro concerto aberto do II Encontro Internacional Soundpainting Compostela, que se celebrará no exterior do Café Camalea. Estes concertos ao aire libre, de acceso libre ata completar capacidade, permitirán aos artistas experimentar coa creación en tempo real ante o público.




