A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, reuniuse esta mañá con representantes da Asociación Eólica de Galicia (EGA) para analizar a situación do sector e as implicacións desta resolución xudicial. A sentenza, coñecida a semana pasada, non só ratifica a legalidade ambiental do parque eólico de Bustelo, senón que tamén analiza en profundidade toda a documentación e os informes de avaliación ambiental, concluíndo que non hai probas que poñan en dúbida a súa validez.
A conselleira destacou que o Alto Tribunal galego non se limita a aplicar a doutrina xa establecida polo Supremo e a Xustiza europea sobre a tramitación fragmentada de proxectos, senón que examina detalladamente a documentación achegada. Ademais, informou de que hoxe mesmo se coñeceron outras dúas sentenzas favorables do TSXG (da Sección Terceira) que tamén dan a razón á Xunta en relación a outros dous parques paralizados.
Tanto Ángeles Vázquez como os representantes de EGA celebraron estas decisións xudiciais como un posible cambio de tendencia para o sector. Subliñaron a necesidade urxente de desbloquear a situación actual para avanzar cara á neutralidade climática no horizonte de 2040, un obxectivo fixado por lei pola Xunta. "Cada ano que perdemos neste bloqueo é un ano e unha batalla perdida contra o cambio climático", afirmou a conselleira.
A conselleira lembrou que o Goberno galego aplica o criterio do interese público superior, recoñecido pola UE para as enerxías renovables, na tramitación destes proxectos. A potencia eólica asociada aos 87 proxectos de novos parques actualmente paralizados ascende a 2.363 MW, o que evitaría a emisión de 2,5 millóns de toneladas de CO2 anuais e condiciona o cumprimento dos obxectivos climáticos da Comunidade.
Ademais de desbloquear novos proxectos, Ángeles Vázquez sinalou a importancia da repotenciación de parques xa operativos. Indicou que xa están autorizadas 9 repotenciacións, 5 delas en obras, e que o seu departamento tramita outras 10 solicitudes voluntarias para mellorar a eficiencia con aeroxeradores máis avanzados tecnoloxicamente.




