O obxectivo desta iniciativa é fomentar a participación cidadá durante os meses de verán, achegando a doazón a máis de 170 concellos galegos ata finais de agosto e buscando obter ao redor de 22.000 doazóns de sangue. A Axencia lembra que todos os días do ano son precisas 400 doazóns para garantir o axeitado abastecemento de compoñentes sanguíneos aos hospitais, unha cifra que se mantén nos meses estivais, un período especialmente sensible pola deslocalización dos doantes habituais.
A unidade móbil da Axencia estará estacionada diante da entrada principal do centro comercial As Cancelas o xoves 16 de xullo, en horario de 09:30 a 14:30 e de 15:30 a 21:00 horas, para facilitar a colaboración dos traballadores e usuarios do recinto.
A Axencia e o Centro Comercial As Cancelas levan promovendo campañas de fomento da doazón desde o ano 2013. Agardan que esta nova visita acadé un elevado nivel de participación, polo que están a desenvolver un labor de distribución de información vencellada a este xesto solidario nas xornadas previas.
A ADOS quere amosar o seu recoñecemento á xerencia do Centro Comercial As Cancelas polo seu compromiso e sensibilidade a prol da doazón, agradecemento que estende a todas as persoas que doan sangue. Convida aos veciños e veciñas de Santiago de Compostela a acudir a doar, lembrando que pode participar calquera persoa maior de 18 anos, que pese máis de 50 quilos e non padeza enfermidades transmisibles polo sangue.
A campaña ‘Un alento de vida’ lembra a importancia de procurar unha oportunidade de curación para moitos enfermos que só poden brindarlle os doantes de sangue. Esta iniciativa busca chamar a atención sobre a necesidade de doar aínda que sexa verán e as unidades móbiles tamén terán presenza en municipios de costa e vacacionais.




