O obxectivo desta iniciativa é achegar ferramentas e coñecementos ás persoas novas interesadas en incorporarse ao sector lácteo galego, contribuíndo así ao relevo xeracional nas cooperativas e explotacións do rural. Esta xornada forma parte dun plan de acción máis amplo orientado a fortalecer o ecosistema da economía social no sector agroalimentario, enmarcado no programa europeo AGROSOCIAL, financiado polo Interreg VI-A España-Portugal (POCTEP) 2021-2027.
A formación, de carácter teórico-práctico e gratuíta, está dirixida a persoas menores de 45 anos que traballen en explotacións lácteas galegas ou que desexen incorporarse ao sector. Abordaranse cuestións clave como a microbioloxía e a hixiene nas instalacións, a elaboración de leites fermentados, os fundamentos da queixería e a fabricación de iogur e queixo fresco.
“"A perspectiva dos pequenos produtores e as dificultades ás que se enfrontan para desenvolver os seus proxectos no medio rural."
A xornada contará coa participación de Ana Corredoira, gandeira e bióloga responsable da granxa ecolóxica A Cernada, en Palas de Rei. Con máis de dúas décadas de experiencia, achegará a súa visión sobre os retos dos pequenos produtores. Corredoira tamén forma parte de As Vacas da Ulloa, unha cooperativa de traballo asociado dedicada á transformación e comercialización de leite e derivados ecolóxicos baixo a marca Sen Máis, xunto coa Granxa Maruxa de Monterroso. A súa experiencia servirá para coñecer de primeira man un proxecto que aposta pola transformación da produción propia como vía para xerar valor engadido e dinamizar o rural galego.
A inscrición para a xornada pode formalizarse a través do enderezo formacion [at] aplta.es.




