A recente campaña de escavación arqueolóxica, levada a cabo este verán na Cova do Santo e na Pala da Zorra, situadas no Parque Natural da Serra da Enciña da Lastra en Rubiá (Ourense), permitiu recompilar información valiosa sobre a ocupación humana e a historia destas cavidades ao longo da Prehistoria. Os resultados confirman que estes xacementos conservan un rexistro de gran valor para comprender as comunidades prehistóricas e as paisaxes que habitaron a zona hai miles de anos. Estes traballos continúan as investigacións iniciadas en 2025 e forman parte dun proxecto máis amplo centrado no estudo do poboamento prehistórico do territorio.
Os resultados desta campaña reforzan o interese de dous xacementos con características distintas: a Cova do Santo, que se utilizou como lugar de enterramento colectivo durante a Idade do Bronce, e a Pala da Zorra, onde se documentou unha importante acumulación de restos de grandes mamíferos, incluíndo o oso das cavernas.
As intervencións foron dirixidas polos investigadores da USC, Diego Lombao e José Ramón Rabuñal, cun equipo multidisciplinar especializado en arqueoloxía prehistórica e no estudo de restos humanos e animais. Tamén participou estudantado do Grao en Historia.
Na Cova do Santo, localizada en Pardollán, os traballos continuaron a escavación na cámara principal. A campaña confirmou a alta densidade de restos e o bo estado de conservación do xacemento, considerado un dos contextos funerarios da Idade do Bronce máis relevantes de Galicia. Os novos achados axudan a comprender mellor a formación do depósito funerario e os cambios na cavidade co paso do tempo. A distribución dos materiais e a súa relación cos bloques desprendidos das paredes e do teito da cavidade ofrecen novas pistas sobre a historia do espazo e os procesos que afectaron os enterramentos.
Durante a campaña de 2026 recuperáronse máis de 160 restos arqueolóxicos, incluíndo ósos humanos, restos de fauna, fragmentos cerámicos e outros materiais. A gran variabilidade de elementos anatómicos, atribuíbles a individuos de diferentes idades (infantís e xuvenís), e a presenza de diversas patoloxías óseas, suxiren o interese deste depósito como unha fiestra á vida das comunidades da Idade do Bronce en Galicia. Ademais, realizouse un escaneado 3D da cámara principal para a reconstrución dixital e a localización precisa dos achados.
Na Pala da Zorra, tamén coñecida como Pala do Rebolal, realizáronse sondaxes arqueolóxicas que revelaron unha importante concentración de ósos de grandes mamíferos, entre eles o oso das cavernas (Ursus spelaeus). A maior concentración atopouse preto dunha das entradas da cavidade. Por agora, non se atoparon ferramentas nin outros materiais que relacionen directamente os restos coa actividade humana, pero os investigadores estudan os ósos para determinar a formación desta acumulación e posibles interaccións entre humanos e animais.
Os resultados obtidos este ano definen novas liñas de investigación. Na Cova do Santo, continuarase a escavación para coñecer a extensión do depósito funerario. Na Pala da Zorra, ampliarase a zona con restos de grandes mamíferos e exploraranse outros sectores, incluída unha entrada colmatada con pequenos restos óseos e fragmentos cerámicos en superficie.
O proxecto combina investigación, conservación e divulgación. Ao finalizar a campaña, celebrouse un encontro coa veciñanza para presentar os primeiros resultados e materiais recuperados.
As intervencións contaron co apoio da Consellaría de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia e a Universidade de Santiago de Compostela, así como do CISPAC, a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, o Parque Natural da Serra da Enciña da Lastra, e as comunidades de montes de Pardollán e Vilardesilva.




