A científica, que xa mantivo encontros coa reitora Rosa M. Crujeiras e medios de comunicación, abordará na súa charla, titulada ‘O mundo dos átomos á escala de tempo do attosegundo’, a súa traxectoria e a situación das mulleres na investigación científica. L'Huillier sinalou que "hai anos era máis difícil para as mulleres acceder a postos de traballo no eido científico, eran expulsadas do sistema", e recalcou a importancia de accións que favorezan a súa inserción.
Na rolda de prensa estivo acompañada polo director do Programa ConCiencia, Jorge Mira, e polo científico Daniel Díaz Rivas, codirector da súa tese. L'Huillier tamén destacou a necesidade de "suficiente financiamento" para a ciencia básica, aínda que considera que a procura de recursos "forma parte da vida da persoa científica".
A física tamén analizou a difusión da ciencia, afirmando que "o importante é o traballo que realizaches, non a revista en que publicas". Compartiu experiencias sobre como achados seus viron a luz en publicacións de menor impacto pero que foron cruciais para avanzar nos seus estudos.
Durante a súa visita, Anne L'Huillier tamén se reuniu coa alcaldesa Goretti Sanmartín e participará en xuntanzas con investigadores e impartirá unha clase na USC. O Instituto de Materiais da USC (iMATUS) será escenario este venres de encontros con persoal investigador novo e mulleres científicas. Ademais, a biblioteca da Facultade de Física acolle unha mostra bibliográfica sobre a súa figura.
Anne L'Huillier (París, 1958) estudou Física na Universidade Pierre e Marie Curie e doutorouse en 1986. Desenvolveu gran parte da súa carreira na Universidade de Lund (Suecia), sendo unha figura clave na óptica ultrarrápida e a interacción luz-materia.
A súa investigación permitiu observar procesos ultrarrápidos dos electróns en escalas de attosegundos (10⁻¹⁸ s), grazas aos avances en tecnoloxía láser. En 1987, descubriu a xeración de harmónicos de alta orde, sentando as bases para a atofísica e o desenvolvemento de pulsos de attosegundos, contribución pola que recibiu o Nobel de Física en 2023 xunto a Pierre Agostini e Ferenc Krausz.
Estes descubrimentos abren portas ao estudo en tempo real de reaccións químicas, absorción de luz e procesos en semicondutores e sistemas biolóxicos, con potencial para novos dispositivos electrónicos, materiais avanzados e tecnoloxías cuánticas.
Jorge Mira, responsable do programa ConCiencia, destaca que L'Huillier representa "o exemplo de como a curiosidade por comprender os fenómenos máis elementais pode dar lugar a avances tecnolóxicos revolucionarios", proporcionando unha ferramenta única para estudar o comportamento dos electróns e os mecanismos fundamentais da materia.




