Un accidente de tráfico ocorrido na madrugada deste luns en Brión saldouse cunha persoa ferida. O suceso tivo lugar á 1.15 horas na rotonda que conecta a avenida de Noia coa rúa Senra, na parroquia de Os Ánxeles.
Ao lugar desprazáronse efectivos da Garda Civil, o GES de Brión e unha ambulancia. O condutor do único vehículo implicado, un Renault Clio de cor branca, resultou ferido, aínda que non precisou ser trasladado a un hospital. O coche sufriu danos importantes na parte frontal.
Os membros do Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES) de Brión encargáronse das tarefas de limpeza da vía para restablecer as condicións de seguridade tras o sinistro.




