A directora xeral de Promoción da Igualdade, Eloína Ingerto, visitou o punto instalado no festival Portamérica, que permanecerá aberto durante toda a duración do evento. O obxectivo é achegar á cidadanía, especialmente á mocidade, ferramentas para previr situacións de violencia contra as mulleres ou o colectivo LGTBI+.
Nestes espazos realízanse actividades para promover masculinidades igualitarias e reforzar vínculos afectivos. O persoal especializado, composto por psicólogas e sexólogas, ofrece asesoramento e acompañamento individualizado en dous espazos diferenciados: un de sensibilización e información e outro para atencións persoais.
A directora xeral lembrou que este servizo xa estivo presente no Festival de Ortigueira e que continuará a súa ruta por outros eventos musicais como o Atlantic Fest, o Morriña Fest, o Río Verbena e o Caudal Fest.




