O acordo, que recolle unha achega municipal de 22.500 euros, destinarase a complementar o servizo esencial que xa se presta no centro. A deputada Mar García, responsable da área de Política Social da Deputación, tamén participou na sinatura do convenio.
A concelleira de Benestar Social, Participación e Igualdade, Nereida Canosa, destacou que o obxectivo é "reforzar os recursos dun centro que presta asistencia continuada en diversos ámbitos esenciais". O convenio, correspondente a 2026, reserva tres prazas para menores de tres anos e trece para nenos e nenas de entre tres e doce anos.
O programa está dirixido a familias atendidas polos servizos sociais municipais que precisan apoio, con especial prioridade para aquelas en situación de vulnerabilidade ou con menores en risco de desatención. A achega municipal busca facilitar o acceso a este servizo público.
O Fogar Emilio Romay ofrece atención durante todo o ano, incluíndo alimentación, coidados, apoio escolar, atención emocional e actividades de tempo libre. Este programa complementa a intervención dos servizos sociais municipais a través do seguimento individualizado de cada menor e o acompañamento ás familias na crianza.




