A Festa Normanda de Foz desvelou onte o seu cartel para a edición deste ano, que se celebrará o último fin de semana de agosto, concretamente do 27 ao 30. A cita, cuxo pregón correrá a cargo de Mercedes González, quen foi integrante da organización durante anos, incorpora como principal novidade a Festa da Bígara. Esta información foi adiantada polo presidente da asociación Desembarco Normando, Pablo Fraga, nun acto que contou coa presenza do delegado da Xunta en Lugo, Alfonso Villares; a deputada de Cultura, Iria Castro, e o alcalde de Foz, Fran Cajoto.
Na súa intervención, Fraga expresou o seu agradecemento pola colaboración recibida por parte da Xunta, a Vicepresidencia da Deputación de Lugo, o Concello de Foz e, de maneira especial, a Diego Núñez, creador do cartel. Subliñou que a Festa Normanda "transpórtanos a outra época e permítenos desfrutar da historia, da cultura e das tradicións", consolidándose como un referente do verán focense e mariñán.
Ademais das habituais "recreacións históricas, onde daremos a coñecer a vida dos normandos, as súas costumes e vestimentas e as súas formas de combate", a festividade deste ano presenta a Festa da Bígara. Esta nova iniciativa busca "poñer en valor un pequeno molusco que se consumía cando eu era pequeno como é a bígara ou caramuxo e que poderemos desfrutar por todas as tabernas do pobo con cuncas de viño, recuperando así as nosas tradicións", explicou Fraga.
Desde a Vicepresidencia da Deputación, Iria Castro destacou, máis aló da "achega económica" que realizan, "todo o traballo que hai detrás de catro días de festa" e o tempo libre que moita xente dedica a organizar o evento. Animou os organizadores a "seguir catorce edicións máis polo menos".
Alfonso Villares sinalou que "o máis importante destas festas é a xente que as leva adiante" e agradeceu "a todo o tecido asociativo e cultural de Lugo e de Galicia o traballo que facedes", xa que sen eles sería "moi difícil levar adiante eventos deste tipo". Engadiu que as administracións deben "estar aí para colaborar e facervos máis fácil levar adiante esta festa".
O alcalde, Fran Cajoto, pechou o acto manifestando o seu orgullo por ter "un pobo tan activo no ámbito asociativo" e puxo en valor "o moito traballo que non se ve e que está detrás do lombo desta xente".




