O titular da carteira sanitaria explicou que esta prestación foi integrándose de xeito progresivo na rede pública do Servizo Galego de Saúde (Sergas), lembrando que Galicia recoñece, respecta e protexe o dereito das mulleres a abortar nos termos da lexislación estatal vixente. Na actualidade, todas as áreas sanitarias galegas dispoñen de circuítos específicos para atender ás mulleres que solicitan esta prestación, cun modelo organizativo homoxéneo que permite o acceso a través dos Centros de Orientación Familiar ou dos centros de saúde.
O percorrido asistencial inclúe a valoración clínica e probas necesarias no ámbito hospitalario, a realización da interrupción e o seguimento posterior. As interrupcións voluntarias do embarazo de menos de 14 semanas realízanse nos hospitais públicos de referencia, mentres que entre as 14 e 22 semanas aplícanse os requisitos clínicos da normativa estatal. Para casos de máis de 22 semanas, existe un procedemento específico coa intervención de comités clínicos habilitados.
Gómez Caamaño destacou que Galicia se sitúa entre as comunidades cun maior peso da sanidade pública nesta prestación, acadando o 99% no primeiro semestre de 2026, fronte ao 96% de 2025. Sinalou que, cando non é posible prestar a atención nun dispositivo público ou a muller solicita un centro concertado, a atención está garantida e financiada polo Sergas. O modelo combina a prioridade nos centros públicos cunha garantía adicional para que ningunha circunstancia sexa un obstáculo.
O responsable autonómico tamén incidiu en que a Xunta de Galicia respecta e seguirá respectando os dereitos das mulleres e a lexislación vixente, garantindo que todas as solicitantes reciban a atención que lles corresponde. A organización asistencial ten en conta a dispoñibilidade dos profesionais e o seu dereito á obxección de conciencia.




