O programa, cofinanciado polos propios concellos, ten como obxectivo principal que polo menos o 40% das persoas participantes atopen un posto de traballo, unha meta que xa se superou nas edicións anteriores. Para poder inscribirse, os interesados deben estar rexistrados como demandantes de emprego, residir nalgunha das dúas localidades e pertencer a colectivos específicos como menores de 30 anos, maiores de 52 anos, perceptores de prestacións, mulleres desempregadas, parados de longa duración ou migrantes.
Os programas integrados de emprego en Galicia están deseñados para mellorar a empregabilidade e facilitar a inserción laboral de traballadores en paro. Inclúen obrigatoriamente accións de información, orientación, asesoramento, formación, coaching, intelixencia emocional, técnicas de motivación, habilidades sociolaborais, obradoiros de entrevista, fomento do emprendemento e prospección empresarial. Tamén se realizarán emparellamentos de ofertas de emprego, prácticas profesionais non laborais en empresas e obradoiros sobre mobilidade laboral.
As persoas participantes poderán formarse en sectores como o comercio, almacenaxe, loxística, ocio e tempo libre, turismo, administración e atención á dependencia. Ademais, recibirán formación transversal en novas tecnoloxías como Informática e Intelixencia Artificial, inglés, hixiene e manipulación de alimentos, primeiros auxilios, habilidades sociais e de comunicación, motivación e marca persoal. Tamén terán titorías individualizadas e poderán realizar prácticas en empresas da contorna.
Os participantes terán dereito a unha bolsa de 10 €/día pola asistencia ás accións do programa e recibirán axudas para a conciliación da vida laboral e familiar. As actividades desenvolveranse no Centro de Formación e Emprego de Ames e no Centro Multifuncional do Milladoiro.
Na edición 2025-2026, que rematou o pasado 14 de outubro, máis do 50% dos participantes conseguiron un contrato, superando o obxectivo do 40%. Desenvolvéronse cinco itinerarios formativos sectoriais e formación transversal en inglés, manexo de carretilla elevadora, hixiene e manipulación de alimentos e primeiros auxilios, entre outros.




