A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, xunto ao secretario xeral de Vivenda e Urbanismo, Heriberto García Porto, deu a coñecer o fallo do concurso de ideas convocado pola Xunta coa colaboración do Colexio de Arquitectos de Galicia. O primeiro premio foi para o proxecto “24CRUCES”, da UTE Peris-Toral Arquitectes SCPP e Creus e Carrasco arquitectos SLP, que desenvolverá os edificios nas parcelas AR3 e AR6.
O segundo premio recaeu en Marina Sabela Jordan de la Peña por “Limiar00” para as parcelas AR4 e AR5, e o terceiro no equipo formado por Begoña Fernández-Shaw Zulueta, Carlos Rebolo Maderuelo e Alejandro Caraballo Llorente coa proposta “TRAMA26” para a parcela AR8. Os accésits foron para “EN COMUNID4DE” de Javier Couto Granja, “MUTABL3” de Gabriel Alarcón Sabarís e Inmaculada Hervés González, e “1 Comunidade flexible e permeable” de Manuel Jesús Pallas Rodríguez e María Alonso Mosquera.
A conselleira eloxiou o talento e a “excepcional calidade da arquitectura galega”, froito do traballo, a reflexión e a sensibilidade dos profesionais, que deseñan espazos para mellorar a vida das persoas e fortalecer a comunidade. Subliñou a colaboración co sector para crear vivenda pública integral, moderna e respectuosa coas persoas e a contorna.
Entre as 121 propostas recibidas, o xurado elixiu seis finalistas. Os tres premios principais están dotados con 5.000 euros cada un e inclúen os contratos para a redacción dos proxectos básicos e de execución, así como a dirección de obra. Os accésits tamén reciben 5.000 euros. O valor estimado do concurso e dos contratos asociados ascende a 1,4 millóns de euros.
Allegue emprazou ao sector a aproveitar o momento de intensa actividade licitadora para posicionar a Galicia como exemplo de vivenda pública, destacando a aposta da Administración autonómica por crear fogares flexibles, inclusivos, sostibles e accesibles, pensando nas persoas e na súa contorna.




