O concello de Quiroga volve a poñer en marcha a iniciativa 'Descubrir Quiroga', impulsada pola Concellaría de Turismo, co obxectivo de converter a localidade nun referente turístico. Durante seis meses, o programa ofrecerá unha variada axenda de actividades que combinan cultura, natureza, historia e a implicación do tecido empresarial e social da zona.
O concelleiro de Turismo, Vicente Parra, cualificou de "totalmente positivo" o balance das edicións anteriores, destacando a alta participación e a cohesión acadada entre os axentes do sector turístico local. Segundo Parra, "un 99% dos que están implicados no turismo dixeron que si, para ir aunando esforzo e darnos a coñecer", o que evidencia a boa acollida da iniciativa.
Un dos retos fundamentais do programa é a desestacionalización do turismo, un obxectivo que, segundo o concelleiro, debe abordarse dende toda a Ribeira Sacra. A estratexia pasa por deseñar propostas atractivas durante todo o ano, como as relacionadas cos "cores de outono" ou a degustación de viño no inverno, para asegurar unha afluencia constante de visitantes fóra da tempada alta.
“"Se non tes unha actividade, se non tes un programa, se non tes algo aberto, ninguén vai vir, por suposto."
Esta dinamización turística é clave para a economía local, xa que se nota un crecemento no sector da hostalaría e axuda a combater a despoboación. Ademais das actividades xa consolidadas como as rutas de piragüismo e barranquismo, esta edición incorpora novidades como a "noite de lenda", centrada na historia local, "os ceos de Quiroga" para gozar do val, e unha busca do tesouro familiar na zona de asentamento romano.
Quiroga atópase nunha posición estratéxica, sendo parte do Xeoparque Montañas do Courel e porta de entrada á Ribeira Sacra. O concelleiro subliña a importancia de potenciar estes eixos, xunto co Camiño de Inverno, para dar a coñecer unha zona que aínda é "a eterna descoñecida".
O programa recibiu o ano pasado o Premio á Excelencia do Turismo e a Gastronomía da provincia, un recoñecemento que impulsou o traballo realizado. A gastronomía local, con degustacións de produtos como mel ou aceite ao remate das rutas, é tamén un pilar fundamental da experiencia turística.




