O proxecto, que ten como protagonistas ás mulleres mariscadoras, busca transformar a súa relación co mar e mellorar a súa saúde e benestar. O alcalde, Ángel Moldes, asistiu á presentación en Combarro xunto ao presidente da Federación Galega de Piragüismo, Alfredo Bea.
Moldes destacou o valor da iniciativa por unir deporte, saúde e convivencia, poñendo en valor o papel das mariscadoras na identidade e tradición de Poio. Agradeceu ao Club de Piragüismo Poio a posta en marcha do proxecto e animou ás participantes a gozar desta nova forma de vivir o mar.
O obxectivo principal é ofrecer unha experiencia alternativa ao traballo diario, convertendo o espazo laboral nun ámbito de saúde, lecer e desenvolvemento persoal. As sesións realízanse semanalmente na nave de piragüismo de Combarro.
A actividade combina o exercicio físico en equipo con fortalecemento muscular, estiramentos e preparación física adaptada. Isto permite mellorar a resistencia cardiovascular, a forza e a coordinación, ademais de reducir dores e tensións laborais. Tamén busca reforzar a autoestima, diminuír o estrés e fortalecer a cohesión social.
Ademais das saídas pola ría entre Combarro e Campelo, o programa inclúe desprazamentos a outras zonas costeiras e a participación en eventos deportivos.




