A semana que vén iniciará as probas no centro de saúde de Afanáns a organización que fixa un límite de 30 consultas diarias para medicina de familia e 25 para pediatría. Deste xeito, os veciños de Poio serán dos primeiros en beneficiarse do Plan de reforma da atención primaria e comunitaria de Galicia 2026-2030, cuxo orzamento ascende a 320 millóns de euros.
Durante unha intervención parlamentaria, o conselleiro tamén confirmou o compromiso da Xunta coa construción dun novo centro de saúde na localidade. Explicou que para a execución deste proxecto é necesaria unha parcela que cumpra todos os requisitos urbanísticos, técnicos, de servizos e de accesibilidade.
O Goberno galego impulsará o proxecto unha vez se dispoña dos terreos axeitados, xa que a parcela proposta pola anterior corporación local non se axusta aos criterios necesarios para a súa viabilidade. O novo centro, segundo o Plan de infraestruturas sanitarias de atención primaria da Xunta, terá unha superficie superior aos 2.289 metros cadrados, ampliará o número de consultas e incorporará fisioterapia e saúde bucodental.
“"Un investimento público como o que se vai facer no novo centro de saúde de Poio require que a parcela cumpra teña aval urbanístico, dotación de servizos e accesos axeitados."
O conselleiro sinalou que a parcela orixinalmente proposta polo anterior executivo local foi adquirida sen os servizos e accesos requiridos, o que obriga ao actual goberno municipal a buscar solucións alternativas.




