A concelleira de Cultura, Carmen García, destacou durante a rolda de prensa que o programa é un dos máis ambiciosos dos últimos anos e que conta coa colaboración dos colectivos da vila. O cartel da programación foi deseñado polo veciño Iago Comedeiro, cunha vinculación cos elementos mariñeiros da localidade.
O acto de inicio terá lugar este venres a partir das 19:00 horas na Praza Massó, co acendido das luces de Nadal e a inauguración do Mercado de Nadal. Este mercado ocupará a carpa durante toda a fin de semana con máis de cincuenta postos de produtos variados.
A programación infantil inclúe espectáculos de maxia, contacontos, cinema e obradoiros. Destacan as visitas de Papá Noel o 24 de decembro, a do Apalpador o 28 de decembro e a dos Reis Magos o 5 de xaneiro, que chegarán ao peirao en embarcacións tradicionais e darán paso á cabalgata pola tarde.
No eido musical e cultural, destacan concertos como o de Francisco Castro o 12 de decembro, o Festival Solidario de Nadal o 19 de decembro e o musical Un conto de Nadal o 27 de decembro. O 31 de decembro, a orquestra Distrito 7 actuará na carpa para dar a benvida ao 2027.
O deporte tamén ten cita coa Carreira "Bye bye 2026" o 28 de decembro, organizada polo Club de Atletismo Galaicas, e torneos de xadrez e futbolín. Toda a información detallada está dispoñible na web do Concello de Bueu.




