O Servizo Galego de Saúde (Sergas) publicou hoxe a licitación, cun importe de 654.731 euros, para a subministración de equipamento destinado aos servizos de Pneumoloxía e Otorrinolaringoloxía do Hospital Público Novo Montecelo, situado na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés.
O expediente, dividido en dous lotes, ten como finalidade adquirir o material necesario para a realización de procedementos de exploración, diagnóstico e tratamento de patoloxías broncopulmonares nas salas de broncoscopia do servizo de Pneumoloxía.
Ademais, dotarase o servizo de otorrinolaringoloxía dun láser de CO₂ para a execución de procedementos cirúrxicos de alta precisión e seguridade. Isto inclúe intervencións como amigdalectomías, microcirurxías de larinxe, estapedotomías e cirurxías na área endolarínxea, tanto de etioloxía benigna (pólipos, nódulos, papilomas) como maligna (cancros de vía superior).
As empresas interesadas teñen ata o 29 de xullo para presentar as súas ofertas.
Esta adquisición forma parte da planificación do Servizo Galego de Saúde para completar o equipamento do novo hospital. Para o ano 2026, prevese un investimento de 10.351.093 euros en dotacións.
Durante o presente ano, tamén se licitarán sistemas de anestesia (cun importe de 298.870 euros), novo equipamento de radioterapia-inmobilización (292.559 euros), diverso mobiliario xeral e de oficina (3.600.000 euros), así como os seus equipos de informática e sistemas de información (4.816.000 euros).
Cabe destacar que, durante este mes de xullo, a Consellería de Sanidade tamén licitará o contrato de servizos para a planificación e execución do traslado definitivo ao novo hospital, cun importe de licitación de 688.933 euros.
Deste xeito, a Xunta de Galicia completará neste ano un investimento superior aos 30 millóns de euros na dotación de equipamento para o Hospital Público Novo Montecelo de Pontevedra.




