O Concello de Poio vén de colaborar co CEIP de Viñas para habilitar un comedor escolar que ofrecerá ás familias este novo servizo de conciliación a partir de setembro. Coa posta en marcha deste comedor, o Concello de Poio garante este servizo en todos os colexios do municipio.
O alcalde de Poio, Ángel Moldes, destacou que "traballando ao carón das ANPAS e dos centros, conseguimos ampliar un servizo fundamental para garantir a conciliación das familias de todo o concello". Visitou as novas instalacións xunto coa concelleira de Cultura e Educación, Natalia Sabarís, e coa directora do centro, Arelis Moreira.
No colexio de Viñas, as obras centráronse en adaptar unha antiga aula para albergar o novo comedor escolar. Realizáronse traballos de pintado de paredes, substitución do teito, adaptación dun espazo para a cociña con laminado de metal e instalación de iluminación intelixente.
Desde o centro confirmaron o interese que espertou este servizo entre as familias, e de feito, 33 dos 57 alumnos do centro xa solicitaron facer uso do comedor durante o curso.
Ángel Moldes lembrou que en xuño de 2023 Poio contaba con comedores escolares en só dous colexios do municipio. "Este curso funcionarán en todos os centros de primaria. En só tres anos, pasamos de 2 a 5 comedores escolares", afirmou, destacando a implicación conxunta das familias, dos centros e a aposta do Goberno local.
Ademais, explicou que a posta en marcha deste servizo vai acompañada de "importantes axudas" que ofrece o Concello de Poio para os usuarios destes comedores, axudas que aumentaron de 1,5 a 2 euros por neno e menú. Durante o pasado curso, o Concello repartiu arredor de 45.000 euros en axudas ás familias para cofinanciar o custe dos comedores escolares, co obxectivo de reducir o prezo que pagan por este servizo de conciliación.




