O novo espazo de estacionamento, situado na Avenida do Covelo número 7, permite aparcar ata un máximo de 24 horas continuadas, garantindo así a rotación de vehículos. Esta iniciativa busca facilitar o día a día da veciñanza de Samieira e O Covelo.
Este é o segundo aparcadoiro público e gratuíto que se pon en marcha neste mandato na zona. Hai dous anos xa se acondicionou unha parcela no acceso ao Peirao do Covelo, con capacidade para 50 vehículos.
“"A creación destas prazas supón un importante impulso á mobilidade e á actividade nesta zona, tanto para a veciñanza, como para os establecementos de hostalería, comercios, pero tamén para todas as persoas que queiran facer uso dos recursos turísticos de primeira calidade que ofrece Samieira."
O alcalde sinalou que a ampliación das prazas de aparcamento en todo o municipio era un dos compromisos de Goberno, conscientes da problemática que afecta á veciñanza. Lembrou que o compromiso era crear 1.000 prazas de estacionamento e que xa se superou esa cifra.
Nos últimos tres anos, ademais destes dous espazos en Samieira e Covelo, habilitouse tamén unha bolsa de aparcamento de preto de 7.000 metros cadrados en Combarro, así como aparcadoiros disuasorios en Anafáns, na Finca de Cocacola e na rúa de O Adro, en San Salvador.




