O Concello de Poio, a través da Concellería de Benestar e Igualdade, amplía a súa oferta de actividades para o presente curso co obxectivo de promover un estilo de vida activo, estimular a mente e favorecer a interacción social entre os seus veciños. As novidades deste ano inclúen a posta en marcha dun club de lectura denominado “Letras que unen” e a actividade de Bailoterapia.
Estas novas propostas súmanse a iniciativas xa consolidadas que se desenvolven ao longo do ano en diferentes parroquias do municipio. Entre elas atópanse cursos de tai-chi, corte e confección, coro, taller de memoria, labores do mundo, teatro, ioga, pilates e o programa Saudemente. Aínda que algunhas prazas xa están cubertas, as persoas interesadas aínda poden obter máis información no Pazo Besada ou chamando ao teléfono 986 872 401.
O club de lectura “Letras que unen” celebrarase unha vez ao mes no Pazo Besada. O seu propósito é fomentar o hábito lector e, á vez, crear un espazo de encontro e diálogo. A iniciativa porase o foco no intercambio de impresións e na lectura compartida, seleccionando cada mes títulos accesibles en galego e castelán para o seu posterior comentario.
A Bailoterapia é outra das incorporacións destacadas. Esta actividade combina o exercicio físico con coreografías amenas ao son de diversos estilos musicais. Contribúe á mellora do equilibrio, a coordinación e a memoria, ademais de axudar a reducir o estrés e fomentar a socialización nun ambiente lúdico. As sesións terán lugar os martes na Casa Rosada, de 18:00 a 19:00 horas, cunha cota mensual de 15 euros, en colaboración coa Asociación Cultural Coro Virxe da Renda.
“"É importante manterse activos, exercitar a mente e interactuar con outras persoas, cuestións que repercuten de xeito directo nunha maior calidade de vida."
A concelleira de Benestar e Igualdade, Natividad Torres, subliñou a relevancia destas propostas para a calidade de vida da veciñanza. Tamén valorou o esforzo do persoal de Servizos Sociais para deseñar unha programación anual variada e atractiva.
A programación de ximnasia, como o tai-chi, realízase en dous grupos os luns, mércores e venres pola mañá na Casa Rosada (10:00 e 11:00 h), cun custo de 12 euros mensuais. As clases de ioga impartiranse os martes e xoves ás 9:15 h (30 €/mes), e pilates os martes e xoves en diferentes horarios (10:30, 19:15 e 20:30 h), tamén por 30 euros mensuais. Estas dúas últimas actividades organízanse coa Asociación de Mulleres Airiños do Mar de Combarro.
As clases de corte e confección terán lugar os luns e mércores na Casa Rosada (17:00 e 18:30 h), cunha cota de 27 euros ao mes, requirindo que os participantes dispoñan dunha máquina de coser portátil ou poidan compartila.
Completan a oferta o grupo de teatro para adultos (venres de 19:30 a 21:00 h) e o coro de maiores (xoves de 17:00 a 19:00 h), ambos na Casa Rosada. O taller de memoria, preferentemente para maiores de 60 anos, impartirase os luns e mércores de 17:00 a 19:00 h por 10 euros mensuais.
As clases de labores do mundo, organizadas pola Asociación de Mulleres Progresistas, ofrecerán técnicas como bordado, calceta ou patchwork os venres de 17:00 a 20:00 h, cun custo de 25 euros ao mes.
O programa Saudemente manterá o seu carácter itinerante, chegando a parroquias como A Seca, Campelo, Combarro, Raxó, Samieira, Vilariño e A Ucha.
Ademais, o Concello de Poio, en colaboración con AFAPO (Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer e outras Demencias de Pontevedra), desenvolve talleres de prevención do alzhéimer e promoción da saúde. Destinados a maiores de 55 anos, estes obradoiros buscan fomentar un envellecemento activo e realízanse os venres de 10:00 a 12:00 h na Casa Guardeses, na finca do Pazo Besada. Esta iniciativa forma parte do Plan Social de Ence.




