Xa está aberto o prazo de inscrición para asistir a esta actividade formativa, que se desenvolverá os días 6, 7, 13 e 14 de agosto. A iniciativa, organizada en colaboración con Amigos de Galicia, busca facilitar o acceso das persoas maiores ao mundo dixital.
A través deste curso de verán, os participantes aprenderán a utilizar ferramentas dixitais esenciais como o caixeiro automático, a máquina de quendas, o teléfono móbil e smartphone. Tamén se capacitará para realizar trámites en liña, así como para utilizar aplicacións como a do Sergas ou a Chave 365.
Ofértanse un total de 20 prazas nesta acción formativa. Ademais, os asistentes recibirán formación sobre o uso de motores de busca en internet, navegadores e outras utilidades dixitais. A actividade terá lugar na Aula CeMIT, situada no Edificio Administrativo da Deputación, en horario de 10:00 a 12:30 horas.




