A proposta do grupo socialista busca que a administración local estude a creación dunha bolsa de inmobles, tanto públicos como privados, que se atopen baleiros na cidade. A idea é que estes espazos poidan ser adquiridos ou alugados para darlles un uso sociocultural e educativo.
Puentes puxo como exemplo a antiga Bolera, situada na esquina entre a Rúa Laranxo e a Travesía da Aduana, xunto á vella sede de Facenda, como un posible inmoble a considerar para estes fins. Ademais, o voceiro socialista indicou que xa transmitira ao Ministerio de Cultura a necesidade de reservar espazos para un salón de actos e salas polivalentes na futura sede do Arquivo Histórico Provincial.
A reparación do Teatro Principal durará seis meses, o que fai necesaria a busca de novas dependencias para a programación cultural da cidade.
A concelleira Carmen Hermo, tamén presente na comparecencia, subliñou a urxencia de crear zonas de estudo, especialmente para o alumnado que non pertence a ningunha das facultades universitarias e que carece de sedes públicas para poder estudar.




