O conxunto granate enfróntase este domingo ás 18:15 horas no estadio Pedro Escartín á trixésimo terceira xornada de liga. O equipo chega a esta cita en posicións de play-off, consciente de que se atopará cun rival diferente ao que visitou Pasarón o pasado mes de novembro e coa única baixa de Álvaro Pérez.
O técnico do equipo granate destacou a boa dinámica do grupo, que vén de dúas vitorias consecutivas en Pasarón ante rivais de entidade. Esta situación xera unha enerxía positiva que o equipo busca aproveitar para converter a ansiedade do final de tempada en ilusión.
“"Temos que converter a ansiedade do final de tempada en ilusión. Nós só podemos gañar, nós só temos algo que gañar, xa non temos nada que perder, temos que xogar con ambición, temos que xogar sen cargas e sentir todos que o Pontevedra Club de Fútbol ten moi cerquiña, porque hai que asumir que temos moi cerquiña, o poder xogar un play-off de ascenso."
A pesar de que o técnico evita usar a palabra "histórica" para referirse a esta oportunidade, subliña a magnitude do momento. O Pontevedra é un club con historia que sempre loitou por ascender a Segunda División, e a ocasión actual preséntase como inmensa e ilusionante.
O rival, o Guadalaxara, está a xogarse a permanencia, o que anticipa un partido moi disputado. O técnico granate espera un encontro no que o equipo local se aferre a cada situación, tanto en defensa como en ataque, buscando a vitoria ou, polo menos, puntuar. A situación do Guadalaxara cambiou significativamente desde o último enfrontamento, o que fará que o partido sexa completamente diferente.
O Pontevedra CF afronta a primeira das seis "finais" que lle quedan co obxectivo de alcanzar os 52 puntos e sacar vantaxe ao sexto clasificado, mantendo viva a ilusión do ascenso.




