A competición, que tivo lugar este xoves na Facultade de Comunicación do campus de Pontevedra, reuniu a 70 estudantes de Bacharelato e ESO de sete institutos. Os participantes, divididos en 14 equipos, recibiron un martelo e un paraugas como punto de partida para idear un obxecto con características innovadoras.
O equipo do IES A Xunqueira I destacou coa súa idea de orientar ao ámbito educativo un «paraugas para recoller froitas», transformándoo nunha ferramenta didáctica para aulas de infantil. Esta proposta valeulles o primeiro premio da olimpíada.
O segundo posto foi para un dos grupos do Praia Barraña, que desenvolveu un «paraugas para axudar aos animais», mentres que o terceiro clasificado resultou ser o IES Ribeira de Louro, coa súa adaptación dun «paraugas invernadoiro» como ferramenta docente. Os integrantes dos tres equipos gañadores foron obsequiados cunha cámara.
A vicerreitora do campus, Eva María Lantarón, participou na entrega de premios, onde tamén se recoñeceu con diplomas ao equipo do IES Frei Martín Sarmiento e ao outro grupo finalista do Praia Barraña, que quedaron en cuarto e quinto lugar respectivamente.
A competición, impulsada polo Campus Crea, busca fomentar a creatividade e dar a coñecer as titulacións do proxecto de especialización entre o alumnado de bacharelato. A directora de área do Campus de Especialización Crea, Ana Belén Fernández Souto, deu a benvida aos participantes, destacando o obxectivo de «pór a vosa creatividade a proba».




