A participación na folga, que xa suma varias convocatorias semanais, mantense alta, superando o 70% segundo os sindicatos convocantes, O'Mega e Simega. Os profesionais reclaman un estatuto propio que regule as súas condicións sociolaborais, tendo en conta a súa formación, xornada e responsabilidade clínica.
O portavoz de Simega, Enrique Marra, advertiu que, aínda que poida haber un paréntese no verán, a folga é "indefinida" pola imposibilidade de chegar a acordos co Ministerio de Sanidade. Tamén sinalou que o Sergas ten pendente o cumprimento de acordos previos, como a actualización do acordo de urxencias hospitalarias de 2007 ou o desenvolvemento de módulos compensatorios para o persoal maior de 55 anos.
Pola súa banda, o delegado de O'Mega, Nino Barreiro, ratificou que a protesta "seguirá ata que se solucione". Aínda que o seu sindicato asinou un acordo coa Consellería de Sanidade que cualificou de "histórico", manteñen o pulso por un estatuto propio e cuestións asociadas como o cómputo das horas de garda para a xubilación ou a súa remuneración.
A folga supuxo a suspensión de numerosos actos médicos na área, incluíndo cirurxías non urxentes, a maioría de consultas externas e probas diagnósticas. Segundo a Consellería de Sanidade, o luns canceláronse 1.216 actos médicos en Pontevedra e O Salnés, mentres que a nivel galego as cancelacións dende decembro ascenden a 216.385.
Ademais, profesionais de Cirurxía e Anestesioloxía do CHUP manteñen suspendidas as "peonadas", unha medida de presión adicional. Os sindicatos sinalan que estas xornadas extraordinarias son unha "decisión persoal" e a súa suspensión busca "unha medida de presión máis" para conseguir melloras.
As cifras de seguimento da folga varían entre os sindicatos e a Consellería de Sanidade. Mentres os primeiros estiman máis do 70%, Sanidade rexistrou un 23,67% en Pontevedra e O Salnés este martes. Non obstante, o complexo hospitalario pontevedrés sitúase como o terceiro de Galicia con maior respaldo á convocatoria.




