A iniciativa busca facilitar a emancipación xuvenil e aproveitar locais baleiros, cun investimento de 350.000 euros e un prazo de execución de doce meses. O obxectivo é que as vivendas sexan unha realidade a principios de 2027.
O proxecto, que xa se está a levar a cabo noutras localidades galegas como Sada, Narón ou A Coruña, consiste na transformación de locais de propiedade autonómica sen uso en vivenda pública. A modificación normativa que permite o cambio de uso de local a residencial, sempre que cumpra as condicións de habitabilidade, entrou en vigor o 1 de xaneiro de 2025.
As tres vivendas, situadas na parcela 13 de Valdecorvos, contarán con dous dormitorios. Unha delas estará adaptada para persoas con mobilidade reducida. Ademais, cada inmoble disporá de salón, cociña, baño e unha pequena terraza para garantir a privacidade.
A conselleira de Vivenda, María Martínez Allegue, destacou que estes locais baleiros "serán fogares moi pronto" e subliñou o compromiso da Xunta de "dar exemplo" na posta en valor de inmobles públicos.




