O desfile, que tivo como protagonistas ás crianzas, abriuse coa comparsa de xigantes e cabezudos de Turoqva. A música de Daddy Yankee soou grazas á comparsa Os Solfamidas, mentres que o cine tivo unha forte presenza con oito carrozas dedicadas a historias cinematográficas como Harry Potter, 101 Dálmatas, Monstruos S.A., Peter Pan, Astérix e Obélix e Demon Hunters.
As guerreiras do K-pop estiveron presentes en dobre ocasión, xunto a outras propostas como A vaca rubia e Miau. O mar e Pegaso tamén inspiraron outras carrozas. A música tradicional galega estivo representada por grupos como os Gaiteiros das Rías Baixas, Duos Pontes, Os Alegres, Pola Vila, Fervellos do Pío e Os de Algures, ademais dun grupo de Penafiel (Portugal). Troula e Pablo Méndez achegaron propostas orixinais como Historia de Don Elio, Psychodelia, Benito e Rufina e un xardín máxico.
Un tramo inicial do desfile realizouse en silencio, sen música, pensando nunha experiencia inclusiva para a rapazada con Trastorno do Espectro Autista (TEA). A partir da pasarela do tren, o son incorporouse ao evento, que percorreu rúas como Benito Corbal, Cobián Roffignac, Padre Amoedo e a avenida de Bos Aires.
Ao finalizar o desfile, e antes da intervención dos servizos de limpeza, a rúa abriuse para que os máis pequenos puidesen xogar co confeti, nunha batalla lúdica que puxo o colofón á xornada festiva.




