Investiran case 7 millóns en reparar estradas da provincia de Pontevedra danadas polos temporais

O Goberno adxudica tres contratos de emerxencia para arranxar firmes deteriorados pola chuvia nos últimos meses.

Imaxe xenérica de estradas danadas con luces de emerxencia.
IA

Imaxe xenérica de estradas danadas con luces de emerxencia.

O Goberno central adxudicou tres contratos de emerxencia por case sete millóns de euros para reparar estradas da Rede de Estradas do Estado na provincia de Pontevedra, afectadas polo deterioro causado polas intensas precipitacións.

O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, anunciou a adxudicación de tres contratos de emerxencia por importe total de 6.899.767,83 euros destinados á reparación de firmes en distintos tramos da Rede de Estradas do Estado na provincia.
As actuacións responden á necesidade de actuar con urxencia en diversas vías que experimentaron un notable deterioro nos últimos meses como consecuencia das intensas precipitacións rexistradas durante o inverno. O desgaste dos pavimentos e a aparición de patoloxías no firme fixeron necesaria unha intervención extraordinaria para preservar a seguridade viaria e garantir unhas condicións adecuadas de circulación.
Losada destacou que "o Goberno de España está a dar unha resposta inmediata a unha situación que afectaba á seguridade e ao confort da circulación nas estradas estatais da provincia". Engadiu que "estas actuacións permitirán corrixir os danos ocasionados polo progresivo deterioro dos firmes, agravado polos episodios de choiva dos últimos meses, e reforzar a seguridade viaria nunha rede pola que transitan diariamente milleiros de persoas".
Os traballos desenvolveranse en catorce concellos da provincia. A actuación de maior contía, cun investimento superior aos tres millóns de euros, executarase na VG-20 e na A-55 ao seu paso por Tui, Mos e Vigo. Outros 2,5 millóns de euros destinaranse á mellora de distintos tramos das estradas N-550, N-640 e N-525 nos municipios de Pontecesures, Valga, Caldas de Reis, Silleda, Vila de Cruces, Agolada, Lalín e Dozón. Pola súa banda, a N-541 contará cun investimento de 1,3 millóns de euros para a reparación do firme entre Forcarei, Cerdedo-Cotobade e Pontevedra.
Os contratos adxudicados ascenden a 3.088.015,34 euros para a reparación do firme na A-55 e na VG-20; 2.505.386,65 euros para actuacións nas estradas N-550, N-640 e N-525; e 1.306.365,84 euros para a mellora da N-541.
Os tres contratos contan cun prazo de execución de catro meses, o que permitirá iniciar de inmediato unhas actuacións consideradas prioritarias para reforzar a seguridade viaria e mellorar as condicións de circulación na Rede de Estradas do Estado.