A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, xunto ao delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Pablo Fernández, visitou hoxe os traballos de instalación dunha pasarela de 70 metros de lonxitude na nova senda entre Mollavao e Os Praceres. A estrutura, que se está a colocar sobre o rego de Louriñas na estrada autonómica PO-546, forma parte dun investimento total de 6,3 millóns de euros, cofinanciados con fondos europeos FEDER.
Esta senda, de 3,5 quilómetros e de uso compartido peonil e ciclista, inclúe dúas pasarelas singulares: unha de 70 metros sobre o rego de Louriñas e outra de 46 metros sobre O Sartán. Ambas as estruturas, prefabricadas con madeira de piñeiro e aceiro, supoñen un investimento superior a 1 millón de euros. A colocación da estrutura da primeira pasarela finaliza hoxe, e os traballos continuarán coa instalación da segunda e posteriormente coa dotación de varandas, solos e iluminación, prevéndose a súa finalización en agosto.
A conselleira Allegue destacou o compromiso da Xunta co uso da madeira nas infraestruturas públicas, impulsando técnicas industrializadas e materiais sostibles, duradeiros e renovables. Lembrou tamén o convenio asinado coa Axencia Galega da Industria Forestal (Xera) para fomentar a utilización deste material.
Coa instalación destas pasarelas, a obra da senda acadará o 80% de execución. Unha vez rematada, xunto co tramo xa executado en Estribela, permitirá dispor dun itinerario peonil seguro ata Marín, promovendo a mobilidade sostible e segura nunha estrada con alto índice de circulación.




