O servizo municipal de bombeiros interveu na mañá deste luns no convento de San Francisco de Pontevedra tras rexistrarse un incendio que destruíu unha imaxe relixiosa. Segundo informou o Concello, o suceso non provocou danos persoais.
Unha vez extinguido o lume, os equipos de emerxencia procederon a ventilar o interior do templo debido á acumulación de fume e monóxido de carbono, co obxectivo de garantir a seguridade do recinto.
“"O suceso quedou "nun susto" e non tivo "consecuencias de gravidade"."
A tenente de alcalde, Eva Vilaverde, sinalou que o lume se orixinou nunha zona con velas que, tras estaren acesas varias horas, provocaron a súa combustión e a queima dunha imaxe relixiosa situada no chan, fóra do retablo. A principal complicación foi a acumulación de fume nun espazo de difícil ventilación.
“"O lume afectou a un altar lateral, provocando a destrución total da imaxe de San Xudas."
Pola súa banda, o superior da comunidade, José Antonio Castiñeira, confirmou que o lume afectou un altar lateral, destruíndo totalmente a imaxe de San Xudas. Explicou que o templo abriuse ás 8,00 horas e o interior xa estaba afectado polo fume. Destacou que a imaxe, ao estar sobre o chan de pedra, evitou que as chamas se estendesen e que se trataba dunha peza moderna, "de escaso valor artístico", que substituíu a outra anterior hai aproximadamente un ano.
O responsable eclesiástico avanzou que a comunidade estuda limitar o uso destas velas eléctricas para evitar novos incidentes. Descartou un fallo eléctrico, xa que o altar non dispón de instalación de luz e conta con sistemas de protección. Os propios bombeiros precisaron que se trataba de velas eléctricas e que o lume xa estaba parcialmente sufocado á súa chegada.




