Os traballos de canalización do subministro eléctrico estenderanse desde a Praza de Méndez Núñez ata a Praza de Valentín García Escudero, afectando tamén á rúa Licenciado Francisco de Paula Cousiño e un tramo da Rúa Serra. O obxectivo é asegurar un servizo adecuado nunha das áreas de maior actividade social da cidade.
O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, confirmou que o proxecto conta xa coa licenza municipal. Estímase un prazo de execución de dous meses e un custo de 30.860 euros. A intervención implicará a canalización de 144 metros lineais cunha nova tubaxe de 160 milímetros, e a apertura dunha gabia de entre 0,40 e 0,80 metros de profundidade.
Ademais desta actuación, Fenosa ten pendente a finalización do soterramento da liña de alta tensión entre Mourente e Tomeza. Aínda que xa se retiraron os 18 postes e se enterraron os 3,7 quilómetros de tendido eléctrico, a compañía aínda non rematou o asfaltado das zonas afectadas, o que xerou críticas por parte do Concello e da Deputación.




