A iniciativa, que xa ten todas as súas prazas cubertas, celebra novas saídas este sábado 18 de xullo no Río Maneses do Campo Lameiro e o domingo 19 de xullo na contorna das fervenzas de Parafita e Raxoi, en Valga. Un total de 60 persoas poderán gozar das vantaxes dos baños de bosque nestes espazos naturais.
A ruta en Valga transcorre por densos bosques de ribeira e pasarelas de madeira, destacando as fervenzas, antigos muíños restaurados e unha vexetación exuberante. Pola súa banda, a contorna do río Maneses ofrece unha rica vexetación autóctona de ribeira, con especies como salgueiros, carballos e loureiros, ademais de muíños.
Nesta edición, o programa +Bosques chegará a sete espazos da provincia, tanto da costa como do interior, co obxectivo de dar a coñecer a variedade de ecosistemas ricos en biodiversidade de Pontevedra. As próximas saídas previstas son o 25 de xullo na contorna do mosteiro de Carboeiro (Silleda) e o 26 de xullo no Pazo de Lourizán (Pontevedra).
Todas estas rutas buscan proporcionar aos participantes unha experiencia de conexión directa coa natureza, a través da estimulación sensorial con exercicios físicos e psicolóxicos, co fin de comprender e fortalecer os lazos co medio natural da provincia.




