O principal partido da oposición no Concello de Pontevedra fixo pública este venres unha petición para mellorar a atención cidadá, sinalando as dificultades que moitas persoas, especialmente as de avanzada idade, atopan para recibir atención presencial nas dependencias municipais.
A concelleira popular Silvia Junco lembrou que o sistema de cita previa dixital se implantou a finais de xullo de 2020, como medida sanitaria pola pandemia. Segundo o PP, unha vez superada a crise, o Concello non adaptou o servizo ás necesidades da cidadanía, en particular daqueles con menos competencias dixitais.
Na actualidade, só algúns trámites do Rexistro municipal e do Padrón permiten unha atención máis accesible sen cita previa. Junco defende a necesidade de garantir a atención presencial, reservando espazos e horarios para quen non se sinta capacitado para usar ferramentas dixitais.
"O Partido Popular de Pontevedra ten como prioridade que os nosos veciños sexan atendidos o antes posible e cunha ampla cobertura horaria", declarou a edil, quen criticou que o Goberno local do BNG non cumpriu un acordo plenario de novembro para impulsar un plan estratéxico de atención a persoas maiores.




